Sunday 05 de May de 2024

A Xunta colabora na creación dun Parque Infantil Cuberto no concello da Pobra do Caramiñal


— A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as actuacións realizadas nestas instalacións, que contan cunha axuda de 40.000 euros do Goberno galego no marco da Orde de Infraestrutura de uso público

— Tamén visitou o centro de recollida de animais abandonados que contou con apoio da Xunta para a súa a posta en marcha e que agora terá unha nova subvención do Fondo de Compensación Ambiental para a súa ampliación

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá o novo parque infantil cuberto do Camiño Ancho, no que a Xunta colaborou co concello da Pobra do Caramiñal no marco da Orde de Infraestruturas de uso público cunha achega de 40.000 euros.

O novo parque permitirá ofrecer á cativada unha zona de ocio para que non teñan que desprazarse ao centro urbano e dispoñan dun espazo de lecer preto dos seus domicilios onde xogar pese a meteoroloxía adversa ao tratarse dunha zona cuberta. As instalacións intégranse no recinto da antiga escola unitaria do Camiño Ancho que xa contaba con campo de fútbol sala e baloncesto.

O Goberno galego destina este exercicio á convocatoria da Orde de Infraestruturas de uso público 4 millóns de euros, mantendo o orzamento do ano pasado despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros. Así, a Administración autonómica financia os proxectos dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Natalia Prieto destacou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños. No caso da Pobra do Caramiñal, o Goberno galego leva máis de 1 millóns de euros
nos últimos anos en melloras ambientais e de infraestruturas.

Tamén visitou o centro de recollida de animais abandonados que a Xunta xa apoiou na súa posta en marcha en 2018 cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental de máis de 64.700 euros e agora contará con outra subvención deste fondo doutros 63.200 euros para ampliar as instalacións e dar resposta á cantidade de animais que se foron recollendo nestes anos.

A actuación enmárcase no Fondo de Compensación Ambiental ao que o Goberno galego destina este ano 12 millóns de euros que se destinan aos concellos para melloras como as levadas a cabo na Pobra do Caramiñal nos últimos anos no saneamento, no alumeado público, na reparación de vías rurais ou no acondicionamento ambiental de espazos.